Durante a presentación do seu libro 2.000 días en el Gobierno no Club Nordés da Coruña, Calviño fixo fincapé na "lección clara" que se debe extraer do actual contexto internacional, marcado pola guerra en Irán. A exministra de Economía avogou por unha maior autonomía enerxética para o continente.
“"Hai que impulsar o despregamento das renovables, seguir avanzando na diversificación do abastecemento para que poidamos estar máis protexidos fronte aos 'shocks' que se producen no ámbito internacional."
Neste escenario de menor crecemento económico global, Calviño resaltou a situación de España, que "segue destacando como a economía que crece con maior impacto e con maior intensidade dentro da Unión Europea". Subliñou a importancia de manter este forte crecemento para asegurar unha maior resistencia e unha posición económica favorable ante un contexto internacional cada vez máis complexo.
Sobre a súa obra, Calviño describiu o libro como un relato "moi persoal" da súa etapa como ministra de Economía e vicepresidenta primeira do Goberno central. A publicación inclúe "reflexións sobre a onde vai o mundo, os cambios na orde internacional e as distintas tendencias" que observou e viviu en primeira persoa durante un "período único" marcado pola pandemia e a guerra en Ucraína. Acompañárona no acto a alcaldesa da Coruña, Inés Rey, e o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco.




