A actuación, que conta cun investimento de 512.849 euros, está financiada con fondos municipais e a través do Plan Único da Deputación da Coruña. Estas obras supoñen unha reforma integral da zona, despois dunha intervención de urxencia realizada en xuño de 2025 para reparar un tramo colapsado na marxe esquerda da vía.
Os traballos inclúen a renovación da rede de saneamento en todo o percorrido, a substitución da rede de abastecemento en ambas as marxes e a iluminación da marxe esquerda. Ademais, aproveitarase para repoñer as beirarrúas, incluíndo unha área diferenciada a modo de miradoiro no extremo occidental do areal de Gandarío.
Ademais de mellorar a seguridade viaria nun tramo moi transitado no día a día, xa que conecta o municipio co concello veciño de Sada onde moitas persoas acoden a facer compras ou outro tipo de recados, tamén dotará os veciños e veciñas da Lagoa duns servizos esenciais modernos e totalmente renovados.
“"Durante o tempo de execución dos traballos é probable que se produzan retencións na vía, polo que pedimos paciencia xa que é un pequeno inconvinte que permitirá lograr unha gran mellora."