Belén do Campo, delegada da Xunta na Coruña, puxo en valor a importancia de impulsar propostas innovadoras que permitan achegar o patrimonio do territorio ás persoas dun xeito participativo e atractivo, convertendo cada visitante nun protagonista activo da súa descuberta. Destacou que iniciativas como o Pasaporte da Biosfera animan a coñecer os diferentes recunchos da Reserva, descubrir os seus centros de interpretación e museos e achegarse á riqueza ambiental, histórica e cultural que atesoura este territorio.
A representante autonómica incidiu en que este tipo de propostas son fundamentais para consolidar un modelo turístico harmónico e equilibrado, que favoreza a diversificación da oferta e contribúa á desestacionalización, promovendo que os visitantes descubran os atractivos de Galicia durante todo o ano. Sinalou que isto comparte obxectivos con outras iniciativas da Xunta, como o Outono Gastronómico, que combina turismo rural e gastronomía para ofrecer novas experiencias fóra da tempada alta e dinamizar a actividade económica.
O pasaporte é un documento persoal onde os visitantes poden rexistrar, mediante selos, as súas visitas aos 12 centros asociados á Reserva. Pode conseguirse nas oficinas de turismo ou nos propios centros participantes. Non ten caducidade, é gratuíto e permite participar en promocións tras visitar como mínimo oito centros e rexistrarse na plataforma habilitada.
Este proxecto enmárcase dentro das axudas de Turismo de Galicia de 43.000 euros á Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas, para actividades de promoción, dinamización e fomento do turismo no xeodestino As Mariñas. Tamén lembrou o Plan de Sustentabilidade Turística en Destino (PSTD) Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas: destino de ecoturismo familiar neutro en carbono, cun financiamento de 1,5 millóns de euros dos fondos europeos NextGenerationEU.
O investimento permitiu impulsar actuacións para consolidar o territorio como referente do ecoturismo, compatibilizando a conservación dos seus valores naturais coa actividade turística e o desenvolvemento económico local. Inclúe a creación da Rede de Centros de Interpretación da Biosfera, a recuperación de sendas, a instalación de puntos de recarga eléctrica e actividades de formación.
A colaboración da Xunta coa Reserva tamén se estende á conservación da biodiversidade, recuperación do patrimonio natural e cultural e sensibilización ambiental. Destacou o investimento de 24.500 euros para o programa educativo “Fórmate na Reserva” e a colaboración na Estratexia “Proxecta Paisaxe nas Mariñas Coruñesas”.
Belén do Campo salientou que Mariñas Coruñesas é a primeira Reserva de Biosfera de España cunha estratexia de planificación e compensación da pegada ambiental local que abrangue os seus 17 municipios, un modelo pioneiro recoñecido recentemente. Subliñou o compromiso da Xunta co apoio a iniciativas que contribúen á protección do patrimonio natural, á sustentabilidade e ao desenvolvemento equilibrado do territorio.




