O prazo para solicitar estas axudas estará aberto dende o vindeiro 9 de outubro de 2026 ata o 9 de novembro de 2026, ambos os días incluídos. A convocatoria foi publicada o pasado 8 de outubro no Boletín Oficial da Provincia (BOP).
A iniciativa, cuxo obxecto é proporcionar un servizo alternativo de taxis, está dirixida a persoas residentes no termo municipal da Coruña que conten cunha discapacidade recoñecida que afecte gravemente á súa mobilidade e lles impida utilizar os transportes públicos colectivos.
Para ser beneficiarias, as persoas solicitantes deben cumprir unha serie de requisitos xerais e específicos. Entre eles, ter máis de 3 anos, residir e estar empadroadas na Coruña, e dispoñer dunha resolución que certifique a súa condición de discapacidade e as limitacións de mobilidade. Ademais, non deben ter recoñecido este beneficio por convenio colectivo ou contrato laboral, nin ser titulares dun vehículo, nin superar un determinado nivel de capacidade económica, e deben estar ao corrente das súas obrigas fiscais e coa Seguridade Social.
Toda a información detallada sobre o procedemento e a documentación necesaria atópase publicada no Taboleiro de Anuncios e Edictos municipal, así como na páxina web do Concello da Coruña, na sección de 'Bono Taxi'.




