O corte de subministro eléctrico, que se produciu o martes arredor das 16:35 horas, afectou aos concellos de Abegondo, Carral, Oza Cesuras, Curtis, Ordes, Frades e Mesía. Segundo informou Naturgy, o servizo non se restabeleceu completamente ata hoxe ás 10:50 horas, cunha duración do apagamento duns 20 horas para a maioría dos afectados.
A falta de luz provocou numerosos trastornos, afectando á cobertura móbil e ao subministro de auga debido á parada dos bombeos. Negocios como as Cabañitas de Beche, en Folgoso Abegondo, sufriron perdas significativas, xa que tiveron que tirar produto das cámaras de conxelación e atender a peregrinos aloxados que se atoparon sen subministro.
O propietario do establecemento, Ángel Varela, destacou a dificultade para obter información e a necesidade de contratar un xerador eléctrico para evitar maiores prexuízos. "Son moitas horas sen luz", explicou, sinalando o impacto económico para o seu negocio.
Formacións políticas como o PP de Mesía urxen compensacións para os afectados. O seu voceiro, Alfonso Carro, criticou a "pasividade da empresa distribuidora" e a "falta de resposta" do Concello, instando a crear unha ventanilla única para xestionar as reclamacións.
Outros concellos, como Carral, tamén valoran presentar reclamacións polos prexuízos causados, especialmente no núcleo de As Travesas, onde se viron afectadas unha vintena de casas e o alumeado público.




