A intervención, xestionada pola empresa pública Sumarte, busca resolver a xestión dispersa dos efluentes urbanos mediante a instalación de 2.500 metros lineais de novos colectores. Esta nova infraestrutura permitirá canalizar as augas residuais da aldea cara a un único punto de conexión coa rede xeral do municipio, garantindo un tratamento máis eficiente e respectuoso co medio ambiente.
O proxecto presenta unha notable complexidade técnica debido á localización de Santa Leocadia, situada nunha das áreas máis elevadas de Arteixo, alcanzando cotas de ata 384 metros. A dispersión das vivendas e a distancia respecto a outros núcleos habitados xa existentes condicionaban o desenvolvemento de infraestruturas hidráulicas na zona.
O Goberno local destaca que esta obra forma parte da estratexia municipal para dotar de servizos públicos de calidade ás parroquias rurais, reducindo o risco de vertidos incontrolados e protexendo os cursos de auga naturais. Subliñan tamén o papel de Sumarte na vertebración do territorio e na fixación de poboación no rural.




