Os Bombeiros do Concello da Coruña acaban de extinguir un novo conato de incendio nunha vivenda unifamiliar situada no camiño Carmen Pouporon, en Mesoiro Viejo. O lume, que xa arrasara a vivenda onte ás 21:20 horas, reavivouse esta mañá.
Veciños da zona denunciaran previamente que a casa supoñía un risco de accidente debido á gran cantidade de material acumulado no seu interior. Os Bombeiros confirmaron que o combustible principal das chamas foron os obxectos amontoados no vestíbulo e na beirarrúa.
Cando os servizos de emerxencia chegaron onte, non había ninguén na vivenda. O lume xa danara un coche estacionado fóra. Tras retiráreno, os Bombeiros extinguiron as chamas e a Policía Local precintou a casa.
Non obstante, o propietario regresou á vivenda, que quedara inhabitable con danos no tellado e fiestras rotas. Ao remover o interior, reaviváronse as brasas, o que obrigou aos Bombeiros a regresar esta mañá ás oito e media, acompañados esta vez pola Policía Nacional.




