Na edición deste ano, que celebra a súa XLIII edición, Lema impúxose coa súa novela, que xa foi recoñecida pola editorial Xerais. A obra ambientada na Galicia da posguerra explora as prácticas abusivas da burguesía franquista e as resistencias populares fronte ao poder político e económico.
Xunto a Lema, tamén foron recoñecidos Ivana Gómez Abuín, co XLI Premio Merlín de Literatura Infantil por "A banda da Albóndega", e Santiago Lopo, co XVIII Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil por "A lingua dos grifóns". Cada un dos galardóns está dotado con 10.000 euros.
A novela de Lema, "A boca do río", afonda nas "prácticas abusivas dos acólitos da ditadura" e como o discurso de "reconstruír e modernizar" serviu de coartada para "inmensos negocios privados", segundo a sinopse da editorial. O autor sinalou que a obra, cuxa escrita lle levou catro anos, nace do seu interese pola zona de Belesar e San Fiz, en Chantada, e polos procesos de desposuimento e extrativismo.
A boca do río é unha novela que afonda nas prácticas abusivas dos acólitos da ditadura, e amosa que o discurso de 'reconstruír e modernizar' non era máis que unha coartada para levar a cabo inmensos negocios privados
“"Esta é unha historia sobre as alianzas entre o poder político e o económico e as resistencias populares que se lle opoñen nun período marcado polo terror e polo ascenso dunha nova elite dirixente no estado franquista, os chamados tecnócratas"
Alberto Lema, licenciado en Filoloxía Inglesa e traballador da Real Academia Galega, xa publicou obras como "Pazo de Inverno" (2021), "Da Máquina" (2012), "Sidecar" (2009), "Unha puta percorre Europa" (2008) e varios poemarios.
A cerimonia de entrega dos Premios Xerais 2026 terá lugar o próximo 10 de outubro no Museo do Mar de Galicia, en Vigo.