A Consellería de Sanidade vén de publicar no Portal de Contratos de Galicia a adxudicación, á empresa Siemens Healthcare, S.L., do equipamento para a sala de radioloxía dixital robotizada con destino ao Servizo de Urxencias do Hospital Universitario da Coruña, por un importe de 249.260 euros.
Esta nova sala permitirá optimizar os procedementos de imaxe, o que se traducirá nunha mellora da precisión diagnóstica, da eficiencia na adquisición de estudos e da ergonomía para o persoal sanitario.
O novo material que se instalará disporá dun equipo xerador de raios X, colimador, tubaxe de raios X con soporte telescópico de teito, mesa de exploración radiolóxica, bucky mural e detector dixital.
Ademais, a empresa adxudicataria terá un prazo de execución dun mes para encargarse das actuacións necesarias para a instalación dos equipos.




