A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, visitou hoxe o inicio destes traballos no concello coruñés. O novo itinerario, de uso compartido peonil e ciclista, estenderase ao longo de máis dun quilómetro de lonxitude e conectará coas beirarrúas existentes, favorecendo o corredor peonil-ciclista metropolitano da contorna.
A actuación, que conta cun prazo de execución de 6 meses, será cofinanciada con fondos FEDER 2021-2027. A senda terá 2,5 metros de ancho e completarase coa habilitación dunha franxa de xardín para separar o itinerario do tráfico, a mellora dunha parada de autobús e a dotación de novo alumeado público.
“"Seguiremos traballando ao abeiro do noso Plan de Sendas da Xunta para seguir a sumar quilómetros de infraestruturas de mobilidade sostible para fomentar a seguridade das persoas."
A conselleira subliñou o compromiso da Xunta coa mobilidade sostible e con seguir dotando destes itinerarios ás estradas autonómicas para favorecer os desprazamentos seguros das persoas e embelecer vilas e cidades. Allegue indicou que as obras desta senda serán unha realidade no vindeiro 2027.
Esta actuación súmase a outras xa realizadas pola Xunta na estrada AC-552, como treitos de senda entre Pastoriza e Vilarodís, reforzos de firme, ampliación da calzada ou melloras en paradas de autobús.




