A proba, que xa é un clásico do circuíto coruñés, discorrerá polos barrios Os Castros, Eirís e O Castrillón. O percorrido, de algo máis de seis quilómetros, combinará asfalto e sendas de terra a través do parque de San Diego, a avenida da Concordia, os parques de Eirís e Oza, e rematará na ronda de Outeiro, coa meta situada en San Diego.
O concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, destacou que a Volta a Oza supón un reto polo desnivel nalgúns tramos e augurou unha carreira apaixonante. Subliñou tamén o compromiso do Goberno de Inés Rey co programa Coruña Corre, clave para promover hábitos saudables na poboación.
“"A Volta a Oza xa é un clásico do circuíto e, para moitas e moitos participantes, supón un pequeno reto polo desnivel existente nalgúns treitos. A bo seguro, será unha carreira apaixonante que nos permitirá darlle continuidade ás boas sensacións e ambiente que estamos a palpar ao longo desta tempada."
As inscricións para esta XIII edición xa están abertas na páxina web de Coruña Corre e pecharanse o 6 de setembro. A Volta a Oza servirá de antesala para a XX edición da carreira popular Coruña10, que se celebrará o 4 de outubro.
Manuel Vázquez tamén sinalou que o circuíto Coruña Corre é un bo punto de partida para deportistas que se inician, preparándoos para distancias máis longas como a Coruña10. A proba contará coa participación confirmada do atleta galego Adrián Ben, campión de España nos 1.500 metros.




