A Universidade da Coruña (UDC) acolleu a inauguración do congreso internacional “New Frontiers in Cosmology”, que se celebra do 10 ao 14 de agosto. O encontro, organizado polo Centro de Física Cosmolóxica de Berkeley, a Fundación Simons e a UDC, coa colaboración do CITIC, reúne a máis de 250 persoas investigadoras de renome internacional para analizar os principais retos e avances da cosmoloxía.
O reitor da UDC, Ricardo Cao, destacou o momento relevante da cosmoloxía, impulsado polas altas capacidades de observación, os grandes volumes de datos e as técnicas computacionais. Subliñou a conexión da Universidade coa investigación interdisciplinaria, mencionando á profesora Minia Manteiga como figura destacada da astronomía española e reflexo do compromiso da UDC coa excelencia científica, incluíndo áreas emerxentes como a Intelixencia Artificial e a Ciencia de Datos.
Minia Manteiga, catedrática da UDC e investigadora do CITIC, co-directora do congreso, resaltou a experiencia de vivir o evento durante a semana da eclipse total, unha oportunidade para conectar coa natureza.
O programa científico inclúe catro xornadas con sesións dedicadas á estrutura a grande escala do universo, o fondo cósmico de microondas, as galaxias, o universo primordial e a aplicación da intelixencia artificial á cosmoloxía. Combinará sesións de revisión, presentacións de especialistas, pósteres e mesas de debate.
Participan investigadores de institucións internacionais e grupos especializados en CMB (Fondo Cósmico de Microondas), estrutura a grande escala, formación de galaxias e intelixencia artificial cosmolóxica. Destacan Uroš Seljak (Universidade de Berkeley), pioneiro no estudo do CMB e a estrutura a grande escala, e Priyamvada Natarajan (Universidade de Yale), recoñecida polos seus traballos sobre materia escura e lentes gravitacionais.
O congreso tamén conta cunha representación da nova xeración de investigadores, incluíndo varios galardoados co “New Horizons in Physics Prize”, como Wai Ling (Kimmy) Wu, Colin Hill, Mathew Madhavacheril, Oliver Philcox, Mikhail Ivanov e Rouven Essig.
A programación do martes 11 de agosto centrarase na época da reionización, o efecto de lente gravitacional do CMB, a estrutura a grande escala e as simulacións, cunha mesa de debate sobre intelixencia artificial na cosmoloxía. O mércores 12, día da eclipse, non haberá sesións científicas. O xoves 13 abordaranse escalas pequenas, universo primordial, CMB e galaxias, ademais dunha mesa sobre as "tensións cósmicas". O venres 14 dedicarase ás aplicacións da intelixencia artificial, enerxía escura e lentes gravitacionais débiles, pechando cun debate sobre galaxias afastadas.
Paralelamente, o CITIC acolle a “Third Solar MHD Conference”, centrada na física solar, observacións de eclipses, machine learning e modelos de plasma. Estes encontros reforzan o papel da UDC como espazo científico internacional e sitúan á Coruña como escenario para o debate sobre o universo.




