A seguranza pública en Galicia atópase nun momento crucial, marcada por un modelo policial anticuado que non aproveita as potencialidades da comunidade. A cidadanía reclama respostas efectivas e próximas, pero o centralismo político, sumado a unha certa resistencia sindical, mantén un deseño que prexudica tanto aos profesionais como aos cidadáns. É o momento de superar este bloqueo institucional e reclamar, sen complexos, unha policía galega integral.
O Estatuto de Autonomía galego contempla dende hai décadas a posibilidade de crear un corpo policial propio. Non obstante, os partidos estatais, dende Madrid, manteñen unha actitude ambigua: por unha banda, apoian o autogoberno en Galicia para gañar apoio electoral, pero por outra, bloquean transferencias clave, como a de Tráfico en 2010. Esta actitude responde ao desexo de manter o control territorial e a unha visión uniforme que ignora a realidade demográfica e a dispersión poboacional de Galicia. Non se comprende que a eficacia policial, nunha gran porcentaxe de funcións, depende do mando operativo e do control político de proximidade, algo que xa aplican Euskadi, Cataluña, Navarra e Canarias cos seus corpos policiais.
A esta barreira política súmase un novo sindicalismo con presenza nos corpos de seguranza estatais, que se opón firmemente a calquera traspaso de competencias policiais a Galicia. Con discursos baseados na desconfianza e no control central, estas organizacións ignoran as demandas históricas de colectivos máis pragmáticos, como o SUP e a UniónGC en Galicia. Estes últimos ven no traspaso unha oportunidade para o arraigo familiar, a estabilidade xeográfica e a equiparación salarial mediante unha lei específica.
O modelo policial estatal actual non garante a cobertura das vacantes en Galicia, forzando moitas veces aos profesionais galegos a desprazamentos, en lugar de permitirlles servir de forma estable e ben remunerada na súa propia terra.
A persistencia dun modelo policial centralizado, fragmentado e xestionado a distancia está a xerar xa fendas na seguranza do país. Aínda que Galicia presenta un índice delictivo baixo, esta estatística non debe ocultar problemas estruturais: falta crónica de efectivos, escasa especialización na xestión de lumes forestais, descoordinación entre corpos estatais e locais, e o abandono do rural pola clausura de cuarteis da Garda Civil.
A seguranza real vése comprometida cando as directrices operativas se deseñan lonxe do territorio e da súa xente. Un exemplo foi o desprazamento de axentes da Garda Civil de Madrid para investigar o crime de Diana Quer en 2016, cuxos responsables lamentaron as dificultades por non dominar o galego na contorna, senón valorar os grandes profesionais xa destinados en Galicia, como os da Policía Xudicial ou a UCO en Pontevedra.
A creación dunha policía galega integral non é unha proposta ociosa, senón unha necesidade organizativa urxente para garantir unha protección eficaz e condicións laborais dignas. As estruturas obsoletas do centralismo non poderán soster por moito tempo unha realidade que se impón por si mesma. A policía galega, integral e propia, será unha realidade máis cedo que tarde polo ben da cidadanía e dos profesionais da seguranza galegos.




