O Concello da Coruña presentou este xoves a iniciativa "En San Xoán limpar as praias é ser de primeira", co obxectivo de fomentar o civismo e o bo comportamento durante a noite do 23 ao 24 de xuño. A alcaldesa, Inés Rey, espera que a celebración sirva de exemplo de "festa cívica e limpa".
A rexedora sinalou que, a pesar do importante dispositivo de limpeza que se despregará, a concienciación e a implicación cidadá son fundamentais. Para iso, reserváronse máis de 50 parcelas na praia de Riazor para asociacións e entidades, coa condición de que deixen o espazo limpo tras a festa.
Inés Rey destacou a profunda vinculación da cidade coa noite de San Xoán, pero tamén a gran cantidade de residuos que se xeran. O propósito é mellorar a imaxe dos areais na mañá seguinte, unha meta á que tamén se sumou o creador de contidos Champi Muros.
“"As festas teñen que ser limpas, pero sobre todo teñen que ser seguras"
Como novidade, este ano distribuiranse pulseras con reactivo para detectar substancias químicas en bebidas, co fin de previr agresións sexuais. Estas pulseras repartiranse nos puntos violeta do paseo marítimo, con preto de 2.000 unidades dispoñibles.
Luis Diz, presidente de Galicia de Noite, explicou que a acción busca sensibilizar sobre o coidado dos espazos públicos e que a cidade dea exemplo. Tamén alertou sobre o aumento do consumo de alcol e as súas consecuencias en situacións de violencia, apelando á responsabilidade e á seguridade, especialmente cara ás mulleres.
Pola súa banda, Luisa Varela, presidenta da Federación de Asociacións Veciñais da Coruña e Área Metropolitana, fixo fincapé na importancia da "convivencia" e a "colaboración" para atopar solucións, así como na visión de sustentabilidade para o futuro dos barrios, incluíndo a prevención de agresións sexuais e a xestión de residuos.
Antonio de Blas, de Pernod Ricard, subliñou que "gozar e coidar son dous conceptos inseparables" e invitou a celebrar a noite de San Xoán "de maneira responsable e de forma sustentable".




