O Concello da Coruña avanza na execución do Plan de Barrios 2025-27 coa adxudicación de obras de mellora da accesibilidade na rúa Agra do Orzán. A intervención centrarase na intersección entre a ronda de Nelle e as rúas Meira, Bellavista e Ramón María Aller, cun investimento superior aos 200.000 euros. A empresa Success Infraestructuras y Servicios será a encargada de executar os traballos, que buscan modernizar a rúa e mellorar a súa calidade urbana.
A alcaldesa, Inés Rey, destacou a importancia destas actuacións nun barrio "con unha configuración urbanística moi especial" pola súa densidade e a compactación das súas rúas. "É fundamental ir traballando de forma progresiva para ir transformando o barrio paso a paso", sinalou Rey, lembrando intervencións previas financiadas con fondos Next Generation na zona entre o Peruleiro e a rúa Barcelona.
O obxectivo é dar continuidade ao plan de accións na Agra do Orzán, considerada unha das principais arterias de mobilidade do barrio. Segundo a rexedora, mellorar as rúas e facelas "máis habitables para as persoas" tamén contribúe a incentivar o tránsito e a dinamizar o pequeno comercio.
En paralelo, o Concello está a ultimar os preparativos para sinalizar o Camiño do Pinar, un percorrido que conecta a rúa Manuel Deschamps co Peruleiro. Tras o asfaltado recente, realizarase unha sinalización horizontal e vertical para delimitar a prioridade peonil, aínda que se manterá a circulación de vehículos con preferencia clara para os transeúntes, reforzando a seguridade viaria.




