A Fiscalía da Coruña impulsa un procedemento xudicial contra as compañías aéreas Vueling, Volotea e Ryanair pola súa política de cobro pola equipaxe de man. Un xulgado da cidade remitiu a consulta ao Tribunal de Xustiza da Unión Europea para determinar se estas prácticas son compatibles coa normativa europea e se vulneran os dereitos dos consumidores.
A demanda, presentada polo Ministerio Fiscal en 2024, busca que se declaren nulas as condicións xerais de contratación que permiten ás aeroliñas cobrar un suplemento pola maleta de cabina, independentemente de se vai baixo o asento dianteiro ou no compartimento superior, sempre que cumpra as esixencias razoables de peso e dimensións.
O litixio enfronta a normativa española, que establece o transporte gratuíto de certos obxectos e bultos de man salvo por razóns de seguridade, coa normativa europea que ampara a liberdade de fixación de prezos das aeroliñas. As compañías defenden que as súas tarifas básicas permiten prezos máis baixos para quen prescinde de servizos accesorios e argumentan problemas operativos e de seguridade por falta de espazo.
O tribunal coruñés recoñece a problemática do espazo limitado nos compartimentos superiores das aeronaves actuais, pero tamén sinala a necesidade de transportar obxectos indispensables como hixiene, medicamentos ou roupa de abrigo sen sobrecusto. A resolución tamén apunta que sentenza europea de 2014 sobre equipaxe facturada non resolve completamente esta cuestión sobre a equipaxe de man en cabina, especialmente cos novos hábitos de viaxe.
O xulgado expón dúas cuestións principais ao tribunal europeo: se a liberdade de prezos permite cobrar por equipaxe de man adicional cando o billete básico xa inclúe un bulto pequeno gratuíto, e se dita liberdade se opón á norma española que obriga ao transporte gratuíto salvo por razóns de seguridade. Tamén se pregunta se este cobro pode considerarse abusivo para o consumidor.
Mentres o Tribunal de Xustiza da Unión Europea non responda, o procedemento permanece suspendido, sen unha decisión definitiva sobre a nulidade destas cláusulas.




