O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado pola directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, Zeltia Lado, mantivo unha reunión en Vilalba con representantes do Grupo Forma-t. O obxectivo foi analizar as vías de colaboración na formación axustada ás necesidades do tecido empresarial galego co fin de optimizalas.
Durante o encontro, destacouse a aposta do Goberno galego por un modelo formativo flexible que atenda ás demandas de man de obra das empresas. O conselleiro puxo de manifesto o labor de entidades como o Grupo Forma-t e salientou o potencial das súas instalacións e equipos, especializados na formación en sectores como o eólico, marítimo ou forestal. Estas dotacións facilitan a práctica de distintas tarefas e a simulación de situacións laborais para fortalecer a cualificación do alumnado en conexión coas necesidades do tecido produtivo.
González tamén subliñou a importancia de reunións de escoita activa para a mellora continua das políticas activas de emprego e a prol dun modelo formativo máis áxil e orientado á inserción laboral. Para este fin, a Xunta conta con distintos apoios, como as Accións Formativas para persoas Desempregadas (AFD), cun orzamento de 60 M€, e o plan Galicia Suma Talento: Plan de formación empresas, dotado con 8,5 M€ para o período 2026-2027, que busca cualificar desempregados con formación demandada polo tecido produtivo e cun compromiso de contratación.
Na xuntanza tamén se abordou a demanda da Xunta ao Goberno central dunha maior flexibilidade na xestión dos fondos de formación para o emprego e a necesidade de ter en conta as particularidades de cada comunidade autónoma para adaptar mellor as políticas ao mercado laboral galego.




