Durante a mañá do venres, as rúas do centro da Coruña foron testemuña dunha escena pouco habitual: decenas de mozos e mozas sentados no chan, cos seus cadernos abertos e lapis na man, inmersos no debuxo. Non se trataba dunha protesta nin dunha actuación espontánea, senón dunha nova edición do maratón de debuxo promovido pola Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña (ETSAC) e o Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG).
Esta iniciativa, impulsada pola materia de Análise de Formas Arquitectónicas, percorreu diversos puntos do núcleo urbano da Coruña. A premisa era clara: debuxar sen interrupcións, sen regras estritas e con total liberdade creativa. O percorrido incluíu paradas emblemáticas como o Colexio de Arquitectos, o Porto da Coruña, a dársena da Mariña e o Reitorado.
Un dos puntos de maior interese foi o Porto, un espazo que experimentou unha notable transformación na cidade coa apertura dos peiraos de Batería e Calvo Sotelo, e a chegada de exposicións da Fundación MOP, como a actual Wonderland de Annie Leibovitz. Alí, fronte á exposición, os participantes dedicáronse a capturar en papel edificios, perspectivas portuarias e eses pequenos detalles que adoitan pasar desapercibidos na vida cotiá.
A organización contabilizou un total de 120 participantes, unha cifra que superou con creces a previsión inicial. A maioría eran estudantes de primeiro curso de Arquitectura, pero tamén se sumaron afeccionados ao debuxo urbano, incluíndo membros de Urban Sketchers, un colectivo global de artistas que documentan as cidades a través do debuxo.
Entre os estudantes atopábase Samuel, alumno de terceiro curso, quen aproveitou a xornada para perfeccionar a súa técnica. Explicou o seu método: “Primeiro fíxome na forma xeométrica dos edificios. Por exemplo, —sinala ao edificio da cafetería Fundación MOP— aquí vexo dous rectángulos e dous cilindros; empezo por aí e logo doulle vida con sombras e volumes”.
O obxectivo principal desta actividade, segundo a organización, era “gozar dun día diferente, debuxando, experimentando, compartindo e de paso cambiar a maneira de percibir as cousas que nos rodean, aprendendo a facelo cunha maior profundidade”. Así, a Coruña baixou o seu ritmo habitual para deixarse observar con máis detalle, ofrecendo aos participantes un escenario inmellorable para a súa creatividade.




