A iniciativa, que conta cun orzamento próximo aos 150.000 euros, enmárcase na estratexia de urbanismo bioclimático impulsada polo goberno local. O obxectivo principal é adaptar os espazos públicos ao cambio climático e garantir un maior confort para a cidadanía durante os meses de máis calor.
As actuacións centraranse en tres puntos estratéxicos. No parque de Bens, as novas estruturas situaranse xunto á zona infantil, reforzando a protección solar tamén mediante a plantación de novos exemplares arbóreos. Pola súa banda, no parque de Oza, a intervención terá lugar na praza peonil situada entre o Camiño do Corgo e a rúa Montes, onde se instalarán pérgolas e árbores froiteiras.
Finalmente, o barrio de Novo Mesoiro contará cunha mellora similar no parque infantil da rúa Ancares. Esta zona, moi exposta á radiación solar, recibirá pérgolas dun modelo semellante ao xa instalado noutros puntos da cidade, completando o proxecto con labores de paisaxismo e nova arboraxe.
Estas medidas permiten mellorar as condicións ambientais da cidade nun contexto global de cambio climático, mitigando o efecto illa de calor e creando espazos máis agradables para a cidadanía.




