A intervención busca mellorar a accesibilidade e a seguridade para peóns e medios de transporte sostibles, sen alterar as conexións de tráfico existentes. O primeiro tramo xa era peonil e o segundo tramo rexistra un tráfico residual, segundo explicou a alcaldesa, Inés Rey. Os traballos, cun prazo de execución de catro meses, procurarán xerar as mínimas molestias.
O novo firme será de lousa de granito, con lousas negras para delimitar a zona de bicicletas e patinetes, ademais de sinalización no chan. Os peóns disporán de máis espazo a ambos lados da rúa, eliminando desniveis para garantir a accesibilidade universal. O proxecto tamén inclúe a renovación da rede de saneamento e a instalación de novas redes pluviais.




