A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, xunto cos rexedores de Oleiros, Ángel García Seoane, e Arteixo, Carlos Calvelo, mantiveron hoxe unha reunión no Palacio Municipal de María Pita co obxectivo de impulsar a Área Metropolitana.
Na xuntanza, na que tamén participaron o primeiro tenente de alcaldesa coruñés, José Manuel Lage, abriuse camiño a unha proposta de acordo para fortalecer a gobernanza metropolitana, recoñecendo a área urbana da Coruña como un espazo económico, social e territorial plenamente integrado.
Inés Rey destacou a necesidade de "avanzar en mecanismos estables de cooperación que permitan afrontar de maneira conxunta os retos compartidos", subliñando que a coordinación entre administracións é "esencial" para mellorar a mobilidade, optimizar servizos, impulsar infraestruturas e captar financiamento, preservando a autonomía de cada concello.
Como resultado da reunión, acordouse iniciar unha folla de ruta compartida e constituír a Mesa de Traballo para a Gobernanza Metropolitana, integrada polos concellos asinantes. Esta mesa reunirá con carácter trimestral para identificar prioridades, coordinar actuacións e impulsar proxectos de interese metropolitano.
Ademais, impulsarase o estudo de medidas para a prestación conxunta de servizos comúns, comezando pola mellora do transporte público e a mobilidade entre os concellos limítrofes, así como servizos de abastecemento, saneamento, equipamentos públicos e infraestruturas viarias supramuncipais.
Os concellos comprometéronse a traballar desde o consenso e a cooperación leal, promovendo unha folla de ruta común cara a unha gobernanza metropolitana eficaz ao servizo da cidadanía. A xuntanza marca un punto de partida para artellar unha futura Área Metropolitana aberta a outros concellos próximos.




