A cidade da Coruña será o epicentro do atletismo máster estatal esta fin de semana coa celebración do Campionato de España Máster por Equipos. A competición, organizada pola Real Federación Española de Atletismo e a Federación Galega de Atletismo co apoio do Concello da Coruña, congregará arredor dun milleiro de deportistas pertencentes a clubs de Primeira e Segunda División de todo o país.
As xornadas de competición terán lugar nas pistas do campus universitario de Elviña, entre o sábado 11 e o domingo 12 de xullo. Participarán destacados atletas do panorama estatal, tanto en categoría masculina como feminina, en diversas disciplinas como lanzamento de peso, disco, xavelina, triplo salto, salto de altura e pértega, entre outras.
O concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, destacou a importancia de que A Coruña estea presente no calendario do atletismo nacional e demostre a súa capacidade para albergar eventos desta magnitude. Clubs de toda a xeografía española, incluíndo Andalucía, Castela e León, Comunidade Valenciana, Cataluña, País Vasco, Illas Canarias, Illas Baleares, Madrid e Galicia, confirmaron a súa asistencia.
A representación coruñesa no campionato correrá a cargo do club Marineda Atlético, que competirá na Segunda División masculina. Tamén estarán presentes o Club Atletismo Sada (A Coruña), o Samertolameu (Lugo) e o Club Deportivo La Purísima (Ourense).
“"Será unha fin de semana moi emocionante que, ademais de contribuír a visibilizar o atletismo máster nacional, amosará o gran nivel dos conxuntos da nosa terra."
O edil invitou á cidadanía a asistir á dobre xornada de competición nas instalacións da Universidade da Coruña (UDC) en Elviña.




