A sección primeira da Audiencia Provincial da Coruña confirmou a decisión do Xulgado de Instrución número 2 de Ferrol, que en decembro xa acordara o peche do sumario. Esta resolución descarta a existencia dunha base probatoria sólida para continuar co procedemento penal contra Villares.
Na súa resolución, a sala rexeitou a solicitude da acusación particular de reabrir a investigación para tomar declaración a dúas novas persoas. Os maxistrados argumentaron que a instrución levada a cabo foi “ampla e minuciosa”, e destacaron que tanto a xuíza instrutora como o Ministerio Fiscal coincidiron na ausencia de indicios suficientes para soster unha acusación.
O conxunto de dilixencias practicadas permitiu o esclarecemento dos feitos investigados.
O auto conclúe que procede confirmar o peche do sumario, indicando que a controversia exposta pola acusación non se debe a unha investigación incompleta, senón a un intento de lograr “unha nova valoración incriminatoria” dos feitos xa analizados. As dilixencias solicitadas, que incluían a declaración da condutora e a axudante dunha ambulancia, foron cualificadas de “periféricas e prospectivas” polo tribunal, ao non estar directamente relacionadas co núcleo da investigación.
Ademais, subliñouse que estas persoas carecen da cualificación pericial necesaria para determinar se a sintomatoloxía da denunciante era compatible cun posible caso de submisión química. A resolución engade que esta hipótese xa foi descartada por especialistas médicos e polos resultados de análises clínicas e probas realizadas durante a instrución, concluíndo que a solicitude de novas declaracións “non pasa de ser unha conxectura carente de base obxectiva”.




