A proba, organizada polo Club Natación Coruña coa colaboración do Concello, espera a participación de máis de 200 nadadores e nadadoras das categorías alevín, infantil, júnior, máster e absoluta.
O evento foi presentado nos exteriores de Marina Coruña, nos peiraos do Náutico. O concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, destacou a importancia do mar e do deporte para a identidade coruñesa e o apoio do Goberno de Inés Rey a citas deportivas como esta, que sitúan a cidade como referencia nacional e internacional.
A Travesía ao Dique, que conta co apoio da Federación Española de Natación e da Federación Galega de Natación, é puntuable tanto na X Copa de España de Augas Abertas coma no XXII Circuíto Galego de Augas Abertas.
A competición comezará ás 11.00 horas con saída desde as instalacións de Marina Coruña. Haberá tres quendas de saída: ás 11.00 h para o percorrido de 3.500 metros (absolutas e júnior), ás 11.05 h para a proba máster de 1.200 metros, e ás 11.10 h para alevíns e infantís, tamén con 1.200 metros.
O percorrido adaptarase á idade e nivel dos participantes, e a seguridade estará garantida grazas ao dispositivo coordinado por Bombeiros e o servizo marítimo da Cruz Vermella. A proba tamén conta co apoio de entidades como Blue Leaders, Softee, Deporte Galego e a Xunta de Galicia.




