A resolución definitiva, publicada pola Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa da Xunta de Galicia, confirma a participación de dez centros da provincia da Coruña, dous de Lugo, un de Ourense e dous de Pontevedra. O alumnado de ESO, Bacharelato e ciclos de Formación Profesional traballará en proxectos colaborativos.
O obxectivo principal da iniciativa é incrementar os coñecementos e competencias do alumnado en ciencia e tecnoloxía, fomentando o traballo en equipo e a atención á diversidade. Os estudantes deseñarán solucións tecnolóxicas dirixidas a persoas con discapacidade, co acompañamento de profesorado, investigadores do CITIC e profesionais de entidades colaboradoras.
Os retos tecnolóxicos, que abordarán ámbitos como sistemas de comunicación, realidade aumentada, robótica ou impresión 3D, definiranse a partir das necesidades dos participantes. Cada reto poderá contar cun máximo de dez estudantes, e cada centro poderá participar en varios proxectos.
O programa, que conta coa colaboración da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, inclúe reunións mensuais en liña e actos de apertura e clausura. A presentación final dos traballos está prevista para o 11 de xuño de 2027.




