Na reunión tamén se abordaron os proxectos municipais que estuda o Concello para renovar as redes de saneamento nas parroquias de San Vicente e Cañás. O obxectivo é que ambas as redes conduzan as augas residuais cara á estación depuradora de San Vicente, que xa dispón da capacidade necesaria.
A conselleira asegurou que o persoal técnico de Augas de Galicia estudará os proxectos presentados polo concello para determinar a súa viabilidade técnica e as posibles vías de colaboración para o seu financiamento.
A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, xa presta apoio técnico e económico aos concellos galegos para contribuír a que poidan exercer as súas competencias en materia de saneamento, depuración e abastecemento de augas de xeito eficiente.




