O novo modelo, que forma parte do Plan de reforma da Atención Primaria e Comunitaria de Galicia 2026-2030, prevé completar a súa implantación nos centros piloto en decembro. Este plan conta cun investimento de máis de 320 millóns de euros e a creación duns 644 novas prazas. O programa estase a desenvolver nas 7 áreas sanitarias de Galicia e a previsión é que se complete o próximo mes de decembro coa incorporación dos centros de saúde de Barbadás-A Valenzá, Sarria e Val Miñor.
O centro de saúde de Cambre foi un dos seleccionados para participar neste proxecto piloto e foi un dos primeiros en poñelo en marcha o pasado 5 de outubro. O obxectivo desta nova organización é mellorar a atención aos pacientes, garantir máis tempo para cada consulta e dar unha resposta ordenada á demanda asistencial sen sobrecargar aos profesionais.
O novo modelo establece axendas ordinarias cun máximo de 30 citas diarias en medicina de familia e 25 en pediatría, reservando tempo para atención programada e outras actividades. Incorpora tamén axendas específicas de absorción da sobredemanda para atender pacientes no mesmo día cando a axenda ordinaria xa está completa. Estas axendas organízanse de xeito voluntario e con planificación acordada polos equipos.
En Cambre, o programa está implantado nos dez cupos de medicina de familia, e a atención á sobredemanda organízase mediante módulos de mañá e tarde. O centro atende a 16.100 persoas e conta con dez médicos de familia, tres pediatras, once profesionais de enfermería, ademais de matronas, traballo social, nutrición e xestión. Dispón dunha ampla carteira de servizos, incluíndo seguimento de crónicos, atención domiciliaria, cirurxía menor e probas diagnósticas.
Nos últimos anos, reforzaron os recursos sanitarios do municipio coa incorporación dun médico de familia máis en Cambre e outro no Temple, ademais dun profesional de nutrición e outro de farmacia. Tamén se dotou o centro de novo equipamento, como dous electrocardiógrafos, un espirómetro, dous hólter e un retinógrafo.
O conselleiro Antonio Gómez Caamaño tamén destacou a contribución do persoal implicado, fundamental para avaliar o funcionamento da iniciativa e introducir axustes antes da súa extensión.




