A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, xunto coa directora da Axencia Galega de Infraestruturas, María Deza, coñeceu de primeira man o traballo desta empresa especializada en construcións metálicas. Durante a visita, abordaron cos responsables de Horta Coslada os detalles da fabricación das estruturas para os accesos ao complexo hospitalario.
A conselleira adiantou que no mes de novembro os caixóns metálicos que compoñerán o viaduto sobre a AC-012 xa poderán ser transportados ao lugar de destino. Posteriormente, procederase á súa ensamblaxe e posterior elevación sobre os pilares.
A Xunta de Galicia, no marco da ampliación do CHUAC, está a impulsar estes novos accesos cun orzamento de 24 millóns de euros. A demolición do antigo viaduto de acceso sobre a AC-12 tivo lugar na primavera, e dende entón estase a traballar na configuración dos novos viadutos.




