O acordo garante a continuidade dos servizos da Casa de Acollida e de dous pisos municipais de transición á vida autónoma, que dan servizo a mulleres de toda a provincia e ás súas fillas e fillos. A Deputación achegará 120.926,27 € para o funcionamento destes recursos durante o próximo ano.
A Casa de Acollida ofrece aloxamento temporal e atención especializada, mentres que os pisos de inclusión apoian a independencia e a incorporación social e laboral das mulleres. Estes tres recursos forman parte da Rede Galega de Acollemento.
O orzamento total previsto para 2026 ascende a 541.254,15 €, dos cales a Deputación financia o 22,34 % a través do seu Programa de apoio á rede de acollemento para mulleres en situación de violencia de xénero.
O convenio tamén contribúe a cubrir gastos de persoal, subministracións e mantemento dos edificios e maquinaria, onde traballan nove auxiliares de acompañamento doméstico, dúas educadoras sociais e unha directora.
As mulleres que precisen acollida na Coruña poden acudir ao Centro de Información ás Mulleres (CIM) ou aos servizos sociais municipais, que xestionarán a solicitude de acceso á Rede Galega de Acollemento. Tamén os centros de saúde e hospitais poden efectuar a derivación.




