O próximo mes de outubro, Jorge Luis G.Y. sentarase no banco dos acusados polo asalto a un empresario construtor en Lobios, unha causa pola que se enfronta a preto de catorce anos de prisión por roubo con violencia, lesións e pertenza a grupo criminal.
Amais diso, a Fiscalía de Ourense formulou un segundo escrito de acusación que suma dez anos e cinco meses de prisión, xunto cunha multa de 909.057,48 euros, por delitos contra a saúde pública, tenza de armas prohibidas e sen licenza. O investigado atópase en prisión provisional dende o 26 de marzo de 2025.
O suposto entramado criminal orixinouse na madrugada do 20 de xaneiro de 2025 en Vilameá (Lobios), cando catro encapuchados asaltaron a vivenda dun construtor para roubar 150.000 euros. A vítima foi golpeada e maniatada. Semanas despois, Jorge Luis presentouse ante a Garda Civil, dicindo sentirse vixiado e temendo represalias, desvinculándose do roubo e solicitando protección.
Porén, as investigacións e a interceptación de comunicacións desmentiron a súa versión, situándoo como presunto líder da organización. Os axentes determinaron que coordinou o golpe a través da aplicación encriptada Signal, dando ordes para "apertar ao vello" e "usar á vella" para obter o botín.
O Xulgado mixto de Bande realizou un operativo o 19 de febreiro de 2025. Registrouse o posto de traballo do acusado no Consistorio de Xinzo, na rúa Curros Enríquez, onde se incautou un teléfono móbil LG. Tamén se rexistraron os seus domicilios na avenida de Madrid e en Camiño do Cemiterio.
Nos domicilios, a Garda Civil localizou un depósito de estupefacientes valorado en 303.019,16 euros. As substancias estaban ocultas, incluíndo 1.824,699 gramos de cocaína cun 89,2% de pureza e 1.008,93 gramos de MDMA cun 74% de concentración. O valor da cocaína ascende a 233.056,48 euros e o da metanfetamina a 69.962,68 euros.
Ademais, interveuse un arsenal de guerra e equipamento táctico: un rifle de asalto Ruger calibre 300 BLK, un rifle deportivo Alfa Proj modelo Hunter calibre 22LR, unha escopeta Franchi Llama, unha escopeta de canóns recortados e un canón paralelo aserrado solto. Tamén se decomisaron armas curtas como unha pistola Smith & Wesson M&P9 Shield, unha réplica de pistola calibre 45 ACP, unha Springfield Armory modelo 1911 e varios revólveres.
O depósito incluía centos de cartuchos e compoñentes para armas de fogo sen trazabilidade legal. A loxística do grupo completábase con visores térmicos e nocturnos, un inhibidor de frecuencia, un dispositivo de hackeo Flipper, cámaras endoscópicas e unha navalla táctica automática Infidel, catalogada como arma prohibida.
O xuízo polo asalto en Vialameá está sinalado para outubro. O avogado defensor, Luis Salgado Carbajales, confía nun acordo satisfactorio coa Fiscalía e a Acusación Particular, mentres que na súa defensa xa se busca facer valer as atenuantes de confesión, reparación do dano e grave adicción ás drogas.




