O dirixente socialista, acompañado polo alcalde, Ramón Alonso, supervisou o proxecto que converteu un inmoble histórico nun centro hoteleiro, cun investimento de 600.000 euros procedentes de fondos Next Generation. Besteiro reivindicou esta iniciativa como un motor de actividade para o municipio, capaz de atraer visitantes e xerar oportunidades.
Segundo trasladou o PSdeG nun comunicado, Besteiro subliñou que o proxecto representa un modelo de recuperación do rural baseado no crecemento sostible e na dotación de servizos, en contraposición ao que cualificou como "abandono do goberno galego".
Representa o modelo de recuperación do rural que aposta polo crecemento sostible e pola dotación de servizos
O líder do PSOE galego tamén comparou a iniciativa de Entrimo con outros proxectos apoiados por gobernos socialistas, como a área de servizo de Ribeira de Piquín ou o supermercado de Pol, destacando a súa importancia para "garantir servizos".
Finalmente, Besteiro puxo en valor o traballo realizado no antigo casino, que foi un centro neurálxico da vida social da Baixa Limia. O novo establecemento contará cun albergue de 26 prazas e un hotel con 10 habitacións dobres, aproveitando a contorna privilexiada.




