A Dirección Xeral de Tráfico (DXT) porá en marcha a próxima semana un operativo de gran alcance para reforzar os controis de alcol e drogas nas estradas galegas. A campaña, que se desenvolverá entre o luns 13 e o domingo 19 de xullo, busca concienciar sobre os riscos de conducir baixo os efectos de substancias e apartar da circulación a quen poñan en perigo a seguridade viaria.
Os axentes da Agrupación de Tráfico da Garda Civil intensificarán as probas en todo tipo de vías, incluíndo autovías, estradas secundarias e convencionais, xa que estas últimas concentran a maior parte dos sinistros mortais en Galicia. Os controis realizaranse de forma aleatoria durante toda a xornada: mañá, tarde e noite, rompendo coa estratexia habitual de limitarse ás madrugadas de fin de semana.
Esta iniciativa contará coa colaboración de voluntarios da Federación Nacional de Lesionados Medulares. Estas persoas, que sufriron lesións medulares a causa de accidentes de tráfico, achegaranse aos condutores parados para transmitir unha mensaxe sobre as graves consecuencias de poñerse ao volante tras consumir alcol ou drogas.
A DXT recorda que a única taxa segura de alcol é 0,0. Dar positivo nun control pode supoñer sancións de ata 1.000 euros, perda de puntos e, dependendo da taxa, consideración de delito contra a seguridade viaria con penas de prisión.




