O proxecto europeo Marinnonet, liderado polo Centro de Investigación Mariña (CIM) da Universidade de Vigo no marco do programa Interreg Atlantic Area, remata tras tres anos de traballo con resultados que contribúen a fortalecer o sector da biotecnoloxía azul no espazo atlántico. A iniciativa creou unha rede transnacional de cooperación científica e empresarial, impulsou 16 proxectos piloto de I+D+i orientados a desenvolver solucións innovadoras a partir dos recursos mariños e puxo en marcha un modelo de innovación aberta que conecta as capacidades da investigación coas necesidades reais do sector produtivo.
Coordinado polo catedrático e investigador do CIM, José Luis Soengas, Marinnonet tivo como obxectivo mellorar as capacidades de innovación e transferencia de coñecemento na biotecnoloxía azul. Promoveuse a colaboración entre dez universidades, centros de investigación, empresas e administracións públicas de España, Portugal, Francia e Irlanda.
Un dos principais resultados foi o apoio a 16 proxectos piloto de innovación, seleccionados a través de convocatorias transrexionais, cun financiamento de ata 30.000 euros por proxecto. Estes proxectos abranguen acuicultura sostible, tecnoloxías ómicas e observación da biodiversidade, e produtos mariños para aplicacións industriais, como biomateriais ou compostos bioactivos. Entre eles figuran Functionalgae e Colothynchus, liderados por Marta Conde e Mauro Chivite, investigadores do CIM.
Marinnonet tamén impulsou a creación dunha rede transnacional que favorece o intercambio de coñecemento e recursos. A través dun modelo de innovación aberta, identificáronse máis de 150 retos e oportunidades do sector en obradoiros rexionais.
O impacto do proxecto foi recoñecido co Atlantic Project Awards 2025 na categoría 'Océanos saudables e costas resilientes'. Foi destacado polo seu enfoque participativo e potencial de aplicación noutras rexións europeas, sendo tamén seleccionado como Success Story #1 pola Estratexia Atlántica.
Marinnonet reuniu 10 entidades socias de oito rexións atlánticas e contou cun orzamento de 2,32 millóns de euros, cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) a través do programa Interreg Atlantic Area 2021-2027.




