O xadrecista, director técnico e presidente do club universitario, Daniel Rivera, atópase en Serbia participando no campionato do mundo para maiores de 65 anos (FIDE World Senior Chess Championships), que se celebra en Vrnjacka Banka ata o 14 de novembro. Rivera, mestre internacional, acode como un dos dous representantes de Uruguai, partindo do posto 44 cun Elo de 2218. Iniciou o torneo cunha vitoria e unha táboa.
Pola súa banda, David Fernández, integrante do primeiro equipo da EXP-UVigo, compite no XXXV Campionato de España Individual da Federación Española de Deportes para Cegos (FEDC) en Bailén, Andalucía, ata o 10 de novembro. Representando á federación galega, Fernández debutou cunha vitoria e sumou outro triunfo fronte a xogadores madrileños, partindo do cuarto posto no ránking inicial con 1958 de puntuación.
O club universitario destaca que estas participacións en "competicións do máximo nivel" refrendan o "traballo de formación e desenvolvemento continuo" da entidade, tanto no xadrez convencional como no adaptado.




