O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, e o concelleiro de Obras, Pablo Garrido, visitaron esta mañá os traballos para comprobar a evolución da actuación. O proxecto, adxudicado á empresa Suministros Integral del Agua S.L., ten como obxectivo dar resposta á crecente demanda desta modalidade deportiva e incrementar a capacidade das instalacións municipais para acoller adestramentos, actividades, torneos e competicións.
Ademais da creación das novas pistas, a intervención contempla a ampliación da bancada lateral e da cuberta existente, adaptándoas ás novas dimensións. Tamén se executará unha nova bancada de formigón con asentos revestidos de madeira e realizaranse os traballos de cerramento e adecuación do espazo. O obxectivo é dotar a Montesiña dunhas instalacións máis modernas, cómodas, seguras e funcionais.
“"É unha satisfacción comprobar que esta actuación xa está avanzando e que comezamos a ver como se fai realidade un proxecto moi demandado pola veciñanza. Estamos investindo máis de 250.000 euros para pasar dunha pista de tenis a tres novas pistas de pádel e, ao mesmo tempo, mellorar o conxunto deste espazo deportivo."
O alcalde destacou que "desde o Goberno municipal temos claro que investir en deporte é investir en saúde, convivencia e calidade de vida". Soutomaior conta cunha importante actividade deportiva e as infraestruturas teñen que medrar ao mesmo ritmo que as necesidades das persoas que as utilizan.




