O Goberno local de Soutomaior aprobou no pleno municipal unha moción en defensa do medio natural e en contra do proxecto do parque eólico de San Xinés. A iniciativa, que contempla a instalación de catro aeroxeradores con bases de formigón de arredor de 50 metros e unha liña de evacuación eléctrica con 15 torretas de alta tensión, foi apoiada polos votos a favor do Goberno local e a abstención do PP. O alcalde, Manu Lourenzo, explicou que a moción se leva ao pleno para establecer un posicionamento institucional claro ante o que considera unha "grave ameaza" para a paisaxe e os dereitos da veciñanza.
“"Non todo vale para beneficiar ás eléctricas. Estamos ante unha agresión sen precedentes e non podemos permitir que 17 destas grandes infraestruturas condicionen o futuro do noso concello."
O rexedor advertiu do impacto visual das instalacións, visible desde a fachada da ría e o peirao de Arcade, así como das posibles afeccións a espazos da Rede Natura e comunidades de montes. Entre as preocupacións do Concello destaca o trazado da liña eléctrica, que inclúe torres próximas a un centro escolar e ao Ecoparque Empresarial. Manu Lourenzo manifestou que o Goberno municipal combaterá o proxecto por todas as vías —política, administrativa e social—, presentando alegacións durante o período de exposición pública e reclamando á Xunta de Galicia que non o autorice.
O alcalde lamentou a abstención do PP na votación, agardando un apoio unánime da Corporación municipal. "Isto non vai de siglas políticas, vai de defender o noso concello, a nosa paisaxe e os dereitos da nosa veciñanza", afirmou. O Goberno local reiterou a súa vontade de traballar para impedir danos irreversibles no territorio.
Paralelamente, o Concello de Soutomaior recibiu a comunicación do SERGAS sobre a prorroga durante catro anos máis do convenio para a construción do novo centro de saúde de Arcade, asinado en 2022. Esta decisión implica que a infraestrutura sanitaria non estaría dispoñible para a veciñanza ata os anos 2030-2031. O Goberno municipal considera que isto supón un incumprimento dos compromisos, xa que o Concello puxo os terreos á disposición da Administración autonómica en 2024.
“"O Concello cumpriu coa súa parte, pero agora comprobamos que, por algún motivo, esta infraestrutura non foi considerada unha prioridade pola Xunta."
O rexedor lembrou que a Xunta xa anunciaba investimentos para este centro en 2021 e que a Administración autonómica non aceptou formalmente os terreos ata xaneiro de 2025. Manu Lourenzo insistiu en que o Concello seguirá reclamando á Xunta que cumpra cos seus compromisos e axilice os trámites, asegurando que "a veciñanza non pode seguir pagando os atrasos".




