A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, xunto coa delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, asinou coa alcaldesa de Salceda de Caselas, María Dolores Castiñeira, a cesión de dúas parcelas municipais para a construción de 32 vivendas públicas.
A licitación, que inclúe a redacción do proxecto, a dirección da obra e a execución das vivendas, foi publicada hoxe na Plataforma de Contratos Públicos de Galicia co obxectivo de axilizar a tramitación. As empresas poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro 11 de decembro.
Construiranse dous edificios: un albergará 14 vivendas e o outro 18. Destacouse que as vivendas serán "accesibles e eficientes enerxeticamente" e que se utilizarán técnicas industrializadas para acurtar tempos e ser máis sostibles.
Salceda de Caselas é un dos 18 concellos que ceden de balde solo municipal á Xunta para a construción de vivenda pública, unha colaboración que a conselleira agradeceu.




