O faladoiro ‘Letras en Feminino’ marcou o inicio das actividades abertas ao público da Semana das Linguas, as literaturas e a tradución, organizada pola Facultade de Filoloxía e Tradución e o Instituto de Investigación Lingua da UVigo. O evento tivo lugar na sede da Deputación de Pontevedra en Vigo.
As docentes e investigadoras Ánxela Lema París (UVigo), Elisabeth Sánchez Tocino (Universidad de Cádiz), Leyre Martín Aizpurue (Universidad de Sevilla) e Ane Irizar Melero (Universidad Complutense) protagonizaron un encontro con perspectiva feminista e interseccional. Nel combinouse literatura, tradución, galego, éuscaro e achegas ás literaturas africanas e medievais.
Carla Miguez Bóveda, investigadora predoutoral do Departamento de Tradución e Lingüística da UVigo e integrante da comisión organizadora, destacou que se preferiu representar a diversidade de intereses dos membros da organización en lugar de seguir unha liña temática única.
A reitora da UVigo, Carmen García Mateo, xunto á vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, deu a benvida aos asistentes. García Mateo puxo en valor as humanidades, sinalando a súa importancia para interpretar discursos, comprender realidades, pensar criticamente e convivir nun momento marcado pola intelixencia artificial e as transformacións tecnolóxicas.
A reitora tamén incidiu na diversidade como eixo central das actividades da Semana, que achegan as propostas da FFT á cidade, sendo un exemplo dunha UVigo aberta e conectada coa sociedade.
A xornada de hoxe xoves inclúe a celebración no museo Marco da xornada Investiga, dirixida a estudantado de doutoramento, mestrado e grao para presentar as súas investigacións. Tamén haberá unha conferencia de Anna Doquin sobre deseño de investigacións en Lingüística aplicada.
Pola tarde, a Casa Galega da Cultura acollerá a mesa redonda ‘Da idea ao libro: as máns invisibles’, que abordará a cadea do libro coa participación das escritoras Ana Varela e Paula Merlán, o escritor Manuel Esteban, a tradutora e escritora Tamara Andrés, e representantes das editoriais Catro Ventos, Galaxia e Malafera.
O venres, a Escola Oficial de Idiomas de Vigo acollerá a III Xornada de formación de profesorado de idiomas. O sábado, a Semana das Linguas finalizará co Festival das Linguas na praza do Berbés, con charlas, actuacións musicais, obradoiros, xogos e bailes.




