A artista téxtil, deseñadora e investigadora Arantza Vilas, coñecida polo seu traballo no deseño de vestiario para producións audiovisuais como os filmes A pantasma da ópera, María, raíña de Escocia ou a serie Xogo de Tronos, así como pola súa obra exposta en galerías e museos internacionais, será a responsable dunha nova iniciativa formativa en Pontevedra.
Vilas, tamén profesora asociada no Central Saint Martins da Universidade das Artes de Londres, impartirá o obradoiro 'A impresión 3D e os tecidos, unha aproximación', promovido polo Campus Crea. Esta actividade terá lugar os días 6 e 7 de outubro no CREA Lab da Vicerreitoría do campus.
O taller, de 12 horas de duración, centrarase na abordaxe dos tipos de tecnoloxías de impresión 3D aplicables ao mundo dos tecidos, a utilización do lapis 3D sobre diferentes soportes e a experimentación directa sobre tecidos. Está dirixido á comunidade universitaria e conta con 12 prazas, cunha inscrición gratuíta que se abriu na plataforma Campus Activo.
A organización destaca que a obra de Arantza Vilas abrangue múltiples disciplinas, con énfase nos procesos e na investigación de materiais, combinando a artesanía tradicional con métodos innovadores e sostibles para achegar novas ideas e suscitar a reflexión.
Ademais, Vilas participará no III Congreso Internacional de Creatividade, que se desenvolverá os días 8 e 9 de outubro en Pontevedra. Impartirá a conferencia 'Morfoloxías téxtis: do plano á forma', abordando as transformacións tecnolóxicas, como a intelixencia artificial, no eido creativo. O congreso combinará relatorios e mesas temáticas coa presentación de estudos por parte de investigadoras e investigadores de diversas universidades.
O III Congreso Internacional de Creatividade, promovido polo Campus Crea coa colaboración da Deputación de Pontevedra, mantén aberto o prazo de inscrición gratuíta como oínte ata o 26 de setembro.




