O Concello de Mos pon en marcha hoxe a segunda edición dos Orzamentos Participativos «Mos Decide 2027». Esta iniciativa permitirá á veciñanza propor e escoller actuacións para o municipio, cunha partida de 200.000 euros reservada para os proxectos gañadores.
A presentación de propostas estará aberta dende mañá, martes 6 de outubro, ata o martes 20 de outubro. As persoas interesadas poderán presentar as súas iniciativas a través da web municipal ou presencialmente na Casa do Concello, na Piscina municipal, no Centro de Desenvolvemento Local e na Biblioteca municipal.
Poden participar todas as persoas maiores de 16 anos empadroadas en Mos. Cada participante poderá presentar unha única proposta; se unha mesma persoa presenta varias, todas serán descartadas. As propostas deberán estar relacionadas con áreas como obras, medio ambiente, deportes, cultura ou política social, ser actuacións concretas, de competencia municipal, de interese xeral e tecnicamente viables, cun custo inferior aos 200.000 euros.
Quedan fóra do proceso a contratación de persoal, os arrendamentos, subvencións, decisións sobre impostos e taxas, así como actuacións de mantemento ou limpeza.
Para participar, será necesario cubrir un formulario na web municipal (mos.es) ou nos catro puntos habilitados. Unha vez rematado o prazo de presentación (do 21 ao 29 de outubro), o persoal técnico municipal analizará e validará as propostas.
A relación de propostas admitidas publicarase entre o 30 de outubro e o 6 de novembro. Nesa fase, cada persoa maior de 16 anos empadroada en Mos poderá votar ata tres propostas, tanto na web como nos puntos presenciais.
O sábado 7 de novembro presentaranse as propostas gañadoras, seleccionadas polas que obteñan máis apoios ata completar os 200.000 euros. O importe restante poderá destinarse a outras propostas por orde de votación.
Os proxectos seleccionados incorporaranse aos Orzamentos municipais de 2027. Con esta segunda edición, o Concello de Mos dá continuidade á iniciativa posta en marcha en 2026, abrindo á veciñanza a decisión sobre unha parte dos recursos municipais.
Nesta edición, o Concello mantivo reunións sectoriais con colectivos e asociacións durante o mes de setembro para ampliar a participación e incorporar diferentes sectores do tecido asociativo, social e económico de Mos.




