Na provincia de Pontevedra, máis de 2.500 comercios sumáronse a esta iniciativa, dos cales máis de 575 pertencen á cidade olívica. Gabriel Alén lembrou que a adhesión dos comercios realízase unha única vez para todas as edicións do ano, co obxectivo de reducir trámites e gañar axilidade.
Os bonos Activa Comercio ofrecen descontos de ata 30 euros e poden ser empregados para adquirir produtos ou servizos nos establecementos adheridos á campaña. Dende a súa posta en marcha o pasado 28 de outubro, xa se teñen trocado máis de 882.000 euros en descontos na provincia de Pontevedra, mobilizando arredor de 4 millóns de euros en vendas totais. En Vigo, os descontos trocados superan os 250.000 euros, cunha mobilización dun millón de euros.
Os comercios que aínda non se adheriron poden facelo ata o 15 de decembro ou ata esgotar o orzamento de 2,5 millóns de euros habilitado. Con esta cantidade, prevese mobilizar o triplo en vendas, seguindo a liña do ocorrido coas convocatorias anteriores. A idea é reeditar os bonos Activa Comercio nas mesmas condicións para o próximo ano.
O funcionamento da campaña permite descargar un único bono por persoa. Os descontos varían segundo o valor da compra: 5 euros para compras de 20 a 30 euros, 10 euros para compras de 30 a 50 euros, e 15 euros para compras superiores a 50 euros. Unha vez esgotado o crédito total de 2,5 millóns de euros, os bonos xa non poderán utilizarse.
Previamente ás visitas aos comercios, Ana Ortiz e Gabriel Alén mantiveron unha xuntanza con comerciantes de Vigo e a súa área para informarlles dos apoios autonómicos dispoñibles. A reunión contou coa presenza de representantes de diversas asociacións de comerciantes de barrios vigueses e doutras localidades próximas.




