O contrato para a redacción do proxecto e dirección de obra para a construción de 12 vivendas de promoción pública en Baiona será adxudicado pola Xunta de Galicia, segundo acordou hoxe o consello de administración de Vipugal. A adxudicación recaerá na oferta presentada por Manuel Pallas Rodríguez por un importe de 95.153,15 euros.
As vivendas construiranse nunha parcela de 871 metros cadrados, situada na parcela J do Polígono UE nº3 do PERI 3, que foi cedida polo concello de Baiona.
Esta licitación forma parte do compromiso da Xunta de duplicar o parque de vivenda pública no período 2024-2028, co obxectivo de alcanzar as 8.000 vivendas. Ademais, enmárcase na previsión do Pacto de Vivenda de Galicia 2026-2030, que busca chegar a 10.000 vivendas públicas no ano 2030.




