Esta xornada, organizada polo CINBIO (Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina da Universidade de Vigo), ten como obxectivo fomentar o intercambio de coñecemento e a creación de redes de colaboración entre a comunidade científica galega que desenvolve a súa carreira fóra de Galicia e o persoal investigador do sistema galego de I+D+i.
O encontro aproveitará o regreso de numerosos investigadores e investigadoras durante o período do Nadal para ofrecer un espazo de diálogo e reflexión sobre o futuro da investigación en Galicia, reafirmándose como un foro de referencia para crear pontes entre profesionais de diferentes países e os que traballan desde Galicia.
“"Ademais de visibilizar a actividade investigadora da diáspora científica galega, o encontro permitirá dar a coñecer programas, convocatorias e oportunidades vinculadas co retorno do talento, un dos aspectos que tradicionalmente suscita maior interese entre as persoas participantes."
A xornada está aberta a investigadores e investigadoras galegas, tanto dentro como fóra da comunidade autónoma, así como a estudantes e profesionais interesados na mobilidade investigadora internacional. Os asistentes poderán presentar os seus traballos mediante comunicacións breves ou asistir como público.
A asistencia é gratuíta, pero require inscrición previa a través do formulario habilitado pola organización. O prazo para rexistrarse remata o 4 de decembro. Toda a información está dispoñible na páxina web oficial do evento: www.iyimeeting.com.




