O evento, coordinado pola Universidade de Vigo, busca achegar a investigación á cidadanía mediante máis de 150 propostas gratuítas. Entre as 17:00 e as 21:00 horas, o edificio Redeiras e a praza do Berbés transformaranse en espazos de experimentación onde se abordarán disciplinas como a bioloxía, a intelixencia artificial, a robótica e a investigación contra o cancro.
A programación inclúe actividades específicas para os máis novos, como obradoiros de acuicultura e microscopía, ademais da exhibición de prototipos tecnolóxicos desenvolvidos polo alumnado, como foguetes e robots para a exploración espacial. Tamén se realizarán paseos en barco pola ría a bordo da embarcación Inndaga, do Centro de Investigación Mariña (CIM).
A iniciativa conta co apoio da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Innovación (GAIN), e a colaboración do Concello de Vigo e o Consello Social da Universidade de Vigo. A organización recomenda consultar a páxina web oficial para reservar praza naquelas actividades que requiren inscrición previa.




