A cidade de Vigo será por primeira vez unha das sedes da Mostra de Cine Romanés Contemporáneo, unha iniciativa que se celebrará en doce localidades de toda España. Os días 30 de setembro e 7, 14 e 21 de outubro, o Auditorio do Concello de Vigo acollerá as proxeccións para achegar a cidadanía á Romanía contemporánea.
Esta mostra é froito da colaboración entre o Concello de Vigo, a través do concelleiro Gorka Gómez, o Consulado Honorario de Romanía en Galicia e a Universidade de Vigo, mediante a Facultade de Filoloxía e Tradución. A profesora Inmaculada Anaya sinalou que a iniciativa xorde dunha colaboración coa directora do Instituto Cultural Rumano en España, María Pop, co obxectivo de dar a coñecer a lingua e a cultura romanesas.
O ciclo proxectará catro filmes en versión orixinal subtitulada. A xornada inaugural, o 30 de setembro, incluirá a proxección de Catane, dirixida por Ioana Mischie. Antes, haberá un acto de inauguración coa participación de María Pop, o cónsul honorario Diego Esquer Rufilanchas, o alcalde Abel Caballero, o decano José Montero e a vicedecana Inmaculada Anaya.
O 7 de outubro proxectarase Kontinental ’25, de Radu Jude, centrada nos dilemas morais dunha protagonista que executa un desafiuzamento. O día 14 será a quenda de Clasat (Caso arquivado), de Horia Cucută e George ve Gänæaard, sobre unha xornalista que investiga unha corporación de intelixencia artificial. O ciclo pecharase o 21 de outubro con Moromeții 3 / A familia Moromete 3: Pai e fillo, de Stere Gulea.
A entrada a todas as sesións é gratuíta ata completar a capacidade da sala.




