No marco da operación "Oitaven", os axentes desarticularon este grupo criminal responsable do atraco cometido o pasado 19 de maio. Os feitos ocorreron preto do peche da entidade bancaria, cando dous individuos, ataviados con perrucas, accederon ao interior portando unha arma de fogo e un coitelo de grandes dimensións. Obligaron a unha empregada e a un cliente a permanecer quietos nunha oficina, mentres esperaban pola apertura retardada da caixa forte e do caixeiro automático para subtraer o diñeiro.
Os asaltantes, que amosaron unha actitude agresiva e ameazante, marcharon do lugar simulando ser clientes e fuxiron nun vehículo que apareceu calcinado preto das vías do tren na parroquia de Tomeza, en Pontevedra. As primeiras pescudas orientaron a investigación cara a varios individuos con amplos antecedentes por delitos contra o patrimonio, especialmente por roubos con violencia e intimidación e asaltos a entidades bancarias.
Os investigadores tamén relacionan un dos detidos co asalto a un estanco de Redondela mediante o uso de armas de fogo e outro suceso rexistrado o 5 de xuño na parroquia viguesa de Candeán, onde un vehículo implicado nunha persecución policial colisionou cun coche da Policía Local. As tres persoas foron detidas os días 16 e 17 de xuño nas localidades de Redondela e Vigo.
Nos rexistros domiciliares realizados en Redondela e Pazos de Borbén, os axentes interviron diversas pezas presuntamente empregadas durante o atraco, diñeiro en efectivo e munición compatible cunha arma de fogo. Aos detidos atribúenlles, entre outros, os delitos de roubo con violencia e intimidación, pertenza a grupo criminal, detención ilegal, tenza ilícita de armas e delito contra a seguridade viaria.
Os tres arrestados foron postos á disposición xudicial o pasado 18 de xuño, decretándose o ingreso en prisión de dous deles, mentres que o terceiro quedou en liberdade á espera de novas actuacións xudiciais. A investigación foi dirixida pola Sección Civil e de Instrución do Tribunal de Instancia de Redondela e coordinada coa Fiscalía de Vigo.




