O auditorio do parque de Castrelos en Vigo transportouse ás grandes citas de finais dos 90 co concerto de The Corrs. A banda, liderada polos irmáns Andrea (vocalista), Sharon (violín), Caroline (batería) e Jim (guitarra e teclado), repasou os seus clásicos nun repertorio que incluíu versións de Jimi Hendrix ("Little Wing") e Phil Lynott ("Old town").
O seu característico pop "irish" estivo marcado pola presenza de temas instrumentais, despedíndose cunha adaptación dunha canción tradicional, "Toss the Feathers", do seu álbum "In Blue" (2000). O público, moitos deles xa peinaban canas, gozou dende o primeiro momento con "Only when I sleep" e "Breathless", ademais de rescatar xoias do seu traballo inicial como "Summer sunshine" do álbum "Forgiven, not forgotten" (1995).
Os seguidores máis fieis corearon "Radio" ("Unplugged", 1999) e ovacionaron temas como "I never loved you anyway" e "So young", ambos do seu segundo disco, revivindo a banda sonora de épocas pasadas. Foi unha noite memorable que converteu Vigo nunha das tres únicas paradas da minigira española do grupo.
A posta en escena foi sobria, centrada na música, co foco nos instrumentos de corda e flautas tradicionais, acreditando a orixe celta dos artistas. A profesionalidade dos irmáns Corrs non impediu o "feeling" co público vigués que encheu a platea e o graderío.
"É un pracer estar esta noite aquí, nun sitio tan agradable", afirmou Andrea Corrs, quen iniciou o saúdo en castelán antes de continuar en inglés, agradecendo a asistencia e a oportunidade de reencontrarse cos seus seguidores tras tantos anos.
The Corrs abriu a semana grande de concertos en Castrelos, que continuará con Viva Suecia, Iván Ferreiro e o festival FNAC Live Vigo.




