O Portal de Contratos da Xunta publicou hoxe a licitación dun ecógrafo destinado á unidade de Oncoloxía Radioterápica do Hospital Meixoeiro de Vigo, cun importe de 50.820 euros.
O expediente subliña a necesidade de garantir a continuidade asistencial nesta unidade, asegurando a dispoñibilidade de equipamento electromédico adaptado aos procedementos diagnósticos e terapéuticos que se realizan.
O ecógrafo licitado permitirá realizar braquiterapia de próstata de alta e baixa taxa de dose, calculada e guiada en tempo real mediante ecografía transrectal. Tamén se empregará para a braquiterapia de cérvix, utilizando ecografía abdominal como guía para o implante en quirófano.
Grazas a este novo equipo, poderanse efectuar exploracións abdominais, vasculares, urolóxicas, de partes brandas, xinecolóxicas e de fertilidade.
As empresas interesadas en participar neste procedemento de licitación teñen de prazo ata o vindeiro dous de outubro para presentar as súas ofertas.




