A iniciativa da Embaixada de Italia en España levou a un establecemento da cadea 'La Mafia se sienta a la mesa' en Vigo a modificar a súa denominación. A Oficina Española de Patentes e Marcas (OEPM) estimou a solicitude de nulidade da marca, o que obrigou á empresa a realizar o cambio.
“"Decidimos dar un paso adiante e saírnos das polémicas da última tempada e de asuntos que non nos representan para nada. Damos paso ao que non é un cambio, para nós unha palabra non significa 25 anos de historia, pasamos de 'La Mafia' ao novo nome 'La Famiglia se sienta a la mesa', é unha nova forma de contar o que fomos sempre e reflicte o que somos."
A razón da protesta da embaixada radicaba en que consideraban que o nome reproducía de forma directa o dunha organización criminal real, cuxa actividade non é un fenómeno remoto, senón unha realidade persistente. A compañía estivo ano e medio analizando esta modificación e barallou preto de 800 nomes alternativos.
Os cambios comezarán a ser visibles a partir de maio, coa intención de que todos os locais da cadea luzan o novo nome antes do verán. O restaurante situado na Praza de Compostela, no corazón de Vigo, aínda conserva a antiga denominación. O primeiro establecemento coa nova marca abrirá en Madrid durante o mes de maio, aínda que o grupo de restauración manterá o recurso presentado contra a resolución.




