O Concello de Redondela impulsa a inserción laboral xuvenil co novo Programa de Formación-Emprego "Talento Mozo de Redondela", que iniciará a súa actividade en setembro cunha duración de 12 meses. O obxectivo é formar a 16 alumnos e alumnas en "Pintura decorativa en construción" e "Albanelería", especialidades con alta demanda no mercado laboral.
Os participantes asinarán un contrato de traballo e recibirán unha remuneración equivalente ao Salario Mínimo Interprofesional (SMI) vixente. A alcaldesa, Digna Rivas, destacou a importancia estratéxica do programa, sinalando que "é unha gran oportunidade para que mozos e mozas constrúan o seu futuro profesional" e que, ademais de formarse cun soldo digno, "investimos na mellora do noso patrimonio e dos servizos públicos".
O concelleiro de Emprego, Alberto Álvarez, subliñou o impacto directo na inserción laboral desta modalidade, buscando un "modelo de aprendizaxe práctico e real" para adquirir a experiencia que esixe o mercado laboral en sectores como a construción e as reformas.
O alumnado aplicará os coñecementos adquiridos en espazos públicos do Concello. En Pintura, realizarán traballos de reparación e tratamentos na Casa da Cultura, a Casa do Concello, os Edificios Multiusos da Xunqueira e de Chapela, e no Centro de Formación A Marisma. En Albanelería, centrarase en reformas estruturais e colocación de pavimentos na Casa da Cultura, o Conservatorio de Música, o local da antiga estación de tren de Chapela e a antiga escola de Saxamonde, ademais de rúas do casco antigo como Padre Crespo, Isidoro Queimaliños, Reveriano Soutullo, Meixón frío ou Praza da Constitución.
Para participar, a mocidade interesada debe ter entre 18 e 30 anos, estar inscrita como demandante de emprego no Servizo Público de Emprego de Galicia (SEPE) e no ficheiro do Sistema Nacional de Garantía Xuvenil. Para Albanelería non se require formación previa, mentres que para Pintura se esixe a formación mínima para acceder a certificados de nivel 2. As solicitudes formalizaranse nas oficinas do SEPE de Redondela ou de Chapela.
O obradoiro foi concedido pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración da Xunta de Galicia, cunha subvención de 483.995,36 €, complementada cunha achega municipal de 18.400 €.




